VIRADA: BASES PARA A REDUCCIÓN DA MORTALIDADE POR CAPTURA ACCIDENTAL EN ARTES DE PESCA DA TONIÑA (Phocoena phocoena) E O ARROAZ (Tursiops truncatus) EN ÁREAS REDE NATURA 2000 DE GALICIA

 

CEMMA pon en marcha o proxecto VIRADA contando coa participación como socio da Organización de Productores de Pesca Fresca do Porto de Vigo-OPPF-4, e coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica, a través do Programa pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca-FEMP.

O proxecto conta cun orzamento total de 85.021,60 €, e obtivo a máxima valoración na resolución da Convocatoria Pleamar 2019, ocupando o primeiro posto dun total de 87 proxectos presentados. Está integrado no LIFE IP INTEMARES, o maior proxecto de conservación de fauna mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

Ten como obxectivo principal contribuir á protección da biodiversidade mariña e á sostenibilidade da pesca mediante a reducción das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro.

Como obxectivos secundarios establécense os seguintes:

1) Coñecer a interacción cetáceos-pesca e o esforzo pesqueiro que se aplica nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas, como primeira medida para poder avaliar os efectos negativos (capturas accidentais) da actividade pesqueira sobre o medio mariño.

2) Avaliar a magnitude do impacto da mortalidade por captura accidental en artes de pesca sobre a poboación de toniña e arroaz en áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas.

3) Potenciar o coñecemento do estatus poboacional da toniña e o arroaz nas principais zonas de pesca das áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas.

VIRADA xurde da grande necesidade que existe para tratar de reducir un dos maiores problemas de conservación que presentan os cetáceos a nivel mundial: a mortalidade por captura accidental en artes de pesca.

Os datos recollidos por CEMMA na costa de Galicia a o longo dos últimos 30 anos, son demoledores: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade dos cales presenta indicios compatibles cun diagnóstico de morte por captura accidental en artes de pesca.

O impacto desta mortalidade resulta especialmente preocupante cando consideramos dúas das especies de cetáceos que teñen un maior estatus de protección nas aguas galegas: o arroaz (Tursiops truncatus) e a toniña (Phocoena phocoena), catalogadas como "Vulnerables” no Catálogo Español de Especies Amenazada-CEEA e incluidas no Anexo II da Directiva Hábitats. Por esta razón, son as dúas especies obxectivo dentro do proxecto VIRADA.

No caso da toniña, unha especie considerada xa como extinta no Mediterráneo, e que presenta o seu derradeiro reducto poboacional nas augas do noroeste da península Ibérica, os últimos estudos realizados sobre a súa dinámica poboacional indican que deixará de estar presente nas nosas augas nun prazo inferior a 20 anos. Estamos ante un caso de desaparición similar ao da vaquita (Phocoena sinus) no Golfo de México.

Hai que destacar tamén que as toniñas que están presentes nas augas galegas pertenecen á subespecie meridionalis, e presentan unha identidade xenética propia. Ademáis constitúen unha Unidade de Xestión dentro da Demarcación Mariña Noratlántica, que segundo os resultados de diferentes informes técnicos, non se atopa nunha situación de Bo Estado Ambiental. Establécese que un dos Obxectivos Ambientais para esta Unidade de Xestión debe ser reducir a súa mortalidade por captura accidental en artes de pesca.

É importante destacar que VIRADA tamén vai dirixido ao sector pesqueiro, que presenta unha enorme importancia, tanto a nivel económico como social, en Galicia. Con este proxecto preténdese contribuir a que a actividade pesqueira sexa sostible dende o punto de vista ambiental e compatible coa preservación da biodiversidade e do medio mariño.

O proxecto executarase ao longo do ano 2020, e a zona de estudo serán as Rías Baixas, tendo como base de actuación os portos pesqueiros de Baiona, Vigo, Cangas, Bueu e O Grove, xunto cos siguientes 7 espacios mariños pertencentes á Rede Natura 2000:

ZEC Illas Estelas(ES1140012), ZEC Illas Cíes (ES0000001), ZEC Costa da Vela (ES1140010), ZEC Cabo Udra (ES1140009), ZEC Ons-O Grove (ES1140004),

ZEC Complexo húmido de Corrubedo (ES1110006), ZEPA Rías Baixas (ES0000499)

As accións e actividades que se levarán a cabo dentro do proxecto VIRADA son as seguintes:

A1. Recollida de información base sobre a actividade pesqueira da flota de artes menores en áreas RN2000 das Rías Baixas.

Dentro desta actividade realizaranse embarques a bordo de barcos de pesca da flota de artes menores con base nos portos de Baiona, Vigo, Cangas, Bueu e O Grove. Ademáis completarase esta acción coa realización de entrevistas ao sector pesqueiro da flota de artes menores da área Cabo Silleiro - Cabo Corrubedo.

A2. Avaliación de impacto: estudo marcaxe-recaptura dos cadáveres dos cetáceos capturados accidentalmente en artes de pesca en áreas RN2000 das Rías Baixas.

Emplearanse etiquetas para a marcaxe dos cadáveres de cetáceos capturados accidentalmente e realizarase unha recaptura, por parte da Rede de Varamentos de Galicia, dos cadáveres marcados que cheguen a varar na costa.

Tamén se levará a cabo unha análise para avaliar as posibilidades da aplicación dunha ferramenta informática destinada á recollida de datos de capturas accidentais e avistamentos de cetáceos procedentes do sector pesqueiro.

A3. Campaña marítima para a monitorización poboacional de cetáceos en áreas RN2000 das Rías Baixas, con participación de voluntariado.

Realizarase unha campaña de monitorización poboacional de cetáceos de 8 días de duración a bordo dun veleiro, coa participación de 10 personas como voluntariado ambiental. Previamente á realización da campaña, o voluntariado recibirá a formación técnica necesaria.

A4. Difusión, divulgación e sensibilización sobre a sostenibilidade da pesca e a necesidade de reducir as capturas accidentais.

Dentro desta acción está prevista a edición e distribución dunha "Guía de boas prácticas para o sector pesqueiro ante o rexistro dunha captura accidental a bordo". Tamén se realizará un vídeo de sensibilización, se editarán materiais de divulgación e se celebrará unha xornada de presentación de resultados.

Os principais valores do proxecto VIRADA son que foi concebido tendo un profundo coñecemento da existencia das interaccións cetáceos-pesca en Galicia, e que plantexouse para ser executado en colaboración co propio sector pesqueiro.

O seu potencial radica en que pretende establecer unha sólida base de coñecemento sobre a que se podan desenvolver novos proxectos complementarios no futuro.

RESULTADOS PARA DESCARGAR

Nestes enlaces podes descargar a "Guía de boas prácticas para o sector pesqueiro ante o rexistro dunha captura accidental a bordo".

Guía de boas prácticas - pdf baixa resolución (2 Mb)

Guía de boas prácticas - pdf alta resolución (122 Mb)

 

 

 
 
 

 

COMPLETE WEB by CEMMA is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Sin obras derivadas 3.0 España License