VARAMENTOS

Cría de toniña viva en Marín

O 30 de marzo avisáronnos a Guardia Civil e a Autoridade Portuaria do Porto de Marín (Pontevedra) de que dentro dunha das dársenas había un golfiño pequeno nadando con dificultade, polo que dous voluntarios se desprazaron ata alí.

Nun primeiro momento pensamos que sería o arroaz solitario que leva unhas semanas movéndose entre a ría de Pontevedra e Arousa (máis info), pero ao chegar alí comprobamos que se trataba dunha toniña (Phocoena phocoena) moi pequena, de menos de 1 metro de lonxitude, recén nacida. Presentaba unha gran delgadez e roces na pel, e non era capaz de manter unha natación normal, afundíndose de lado. Axudados pola Guardia Civil logramos suxeitala e mantela erguida.

Dada a situación do animal desprazáronse ata alí membros do Servizo Veterinario de CEMMA para facer unha mellor valoración da situación e analizar as distintas alternativas, xa que o seu estado, a curta idade do exemplar e a dependencia da súa nai impedía a reintroducción directa no mar ao non ter a mínima posibilidade de sobrevivencia.

Este caso é extremadamente difícil tanto por tratarse dun cachorro como por tratarse dunha toniña, xa que non é normal que aparezan vivas. Nos dezanove anos da CEMMA, só un caso parecido aconteceu no ano 2007 cando apareceron dúas crías vivos no mesmo día nas Rías de Vigo e Pontevedra.

Considerando o estado no que estaba este exemplar, cunha delgadez e debilidade extrema, deshidratación e desnutrición, e caída do ritmo cardíaco e respiratorio, considerouse que non resistiría o traslado ás instalacións de rehabilitación, adoptando a decisión de eutanasialo para evitarlle un maior sufrimento.

A TONIÑA EN GALICIA

A toniña (marsopa en castelán) é a menor das especies de cetáceos presentes en Galicia, e a máis ameazada en Europa. Nas nosas costas pódense ver exemplares dende as Rías Baixas á costa de Lugo. É difícil velas dentro das rías, xa que soen estar en fondos de máis de 100m.

Aínda que tamén presente en otras zonas de Europa, as toniñas de Galicia e Portugal teñen características propias, como por exemplo ter un maior tamaño cas de outras zonas. En 2010 investigadores de CEMMA participaron nun estudo sobre a xenética desta especie a nivel europeo (máis info) e actualmente colabórase en estudos específicos sobre a xenética e a súa historia natural.

REDE DE VARAMENTOS E CENTRO DE RECUPERACIÓN

A CEMMA é a entidade que coordina a Rede de Varamentos de Galicia dende 1999, a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686989008 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Unha vez máis comprobamos a necesidade da porta en marcha do centro de recuperación de especies mariñas en Galicia, se ben é certo que neste momento a Consellería de Medio Rural conta con financiamento e con espazo, cada día faise máis necesario. A CEMMA mantén unha comunicación continua coas autoridades responsables para levar adiante as mellores instalacións posibles que cubran as necesidades actuais.

 

 

 
 
 

 

Varamentos