|
RECUPERACIÓN
"Pampillosa"
"Pampillosa" é un lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) que foi atopada na praia do mesmo nome, en Foz (Lugo), o pasado 12 de xaneiro de 2011. tratábase dunha cría de poucos meses que chegou esgotada ata nosas costas. A Guardia Civil atandeu ao animal en primeira instancia, debido a que non quería voltar ao mar, mentres non chegaba a Unidade Móbil norte da CEMMA, do Grupo de Traballo de Ferrol, para facerse cargo do exemplar e trasladalo ás instalacións de recuperación.
Unha vez recollida, foi inmediatamente transladada á UCI de tartarugas e lobos mariños, nas instalacións da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol; alí comprobouse que era unha femia, que medía 90 cm e pesaba 12 kg, sendo un dos exemplares de menor tamaño tratados ata o de agora. O comportamento era de pouca agresividade, agotamento e mesmo pasividade diante a presencia humana, o diagnóstico foi de desnutrición e deshidratación, presentaba tamén unha lixeira afección pulmonar de orixe catarral que lle provocaba tusidos e espirros cos que botaba fóra a mucosidade. O exemplar pronto recuperou os parámetros normais de saúde dado que se alimentou por si mesmo dende o primeiro día.
Unha vez acadadas as condicións físicas que permiten a súa volta ao mar, e coa alta do Servizo Veterinario de CEMMA, "Pampillosa" foi embarcada o 21 de marzo no pesqueiro "Susa Uno" en Marín para facer a viaxe de volta ao seu lugar de orixe. A colaboración do sector pesqueiro está sendo inestimable nestes últimos anos para a volta a liberdade dos animais recuperados no seu medio, polo que queremos dende aquí agradecer ao armador e tripulación do pesqueiro as facilidades dadas e o cariño co que o animal foi recibido a bordo.
A competencia da asistencia das especies mariñas ameazadas corresponde á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que, contando coa colaboración da CEMMA, dende o ano 1999 constituiron a Rede de Varamentos de Galicia. A administración está puntualmente informada da situación e acontecementos de varamentos e ten a última decisión nos casos de rehabilitación de fauna.
|
|

|