RECUPERACIÓN

"Watda"

O mércores 27 de abril marcou un novo paso na recuperación do lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) "Watda", ao ser embarcada rumbo ao Gran Sol para ser liberada.

A foquiña apareceu en Peniche (Portugal) e foi atendida dende un primeiro momento polo persoal e voluntarios da Sociedade Portuguesa de Vida Selvagem (SPVS), coa que CEMMA mantén unha estreita relación dende hai anos. Durante meses foi atendida no centro de recuperación que teñen en Quiaios, ata que reuniu as condicións que permitían a súa liberación.

Dado que en Portugal non hai frota pesqueira que faene na zona do Gran Sol, conseguimos un barco galego que nos facilitase o traslado. Trátase do "Ferreira Martínez", de Marín, que xa ten colaborado con nós moitas veces nos últimos anos na liberación doutras focas -dúas delas tamén portuguesas-, e que dende un primeiro momento se mostraron encantados de axudarnos con este novo animal dándonos todas as facilidades.