INVESTIGACIÓN

Fundación LaCaixa

"Avaliación do impacto do "Prestige" "

Proxecto trianual posto en marcha no ano 2003 coa financiamento da FUNDACIÓN LaCaixa.

A costa de Galicia conta cunha grande diversidade de especies debido ás súas especiais condicións oceanográficas e climatolóxicas, que fan da nosa costa unha das máis ricas do Atlántico, en canto á productividade biolóxica. Esta riqueza vese reflectida na grande cantidade de especies de vertebrados, que, na súa condición de depredadores, atópanse no máis alto da cadea trófica.

Un grave accidente petrolífero, como tantos que teñen acontecido fronte as nosas costas, amais de provocar a mortalidade directa de milleiros de exemplares provoca a afección tóxica de moitas especies debido ao efecto de traspaso de contaminantes a través da cadea trófica e ao proceso de bioacumulación nos escalóns máis altos da pirámide.

Desde o fundimento do buque Prestige , en novembro de 2002, ata finais do ano 2003, apareceron varados ao longo de toda a costa galega, un total de 440 exemplares de cetáceos, focas e tartarugas mariñas. De todos eles comprobouse a afección do vertido no 27% dos casos, sendo as tartarugas as máis afectadas, seguido das lontras, focas e cetáceos.

No caso das tartarugas mariñas, dos 100 exemplares aparecidos varados, o 65% estaban xa mortos a causa da acción directa do fuel, do resto dos exemplares recollidos con vida conseguiuse recuperar a maioría, e no verán do ano 2003 foron liberados 30 exemplares en perfectas condicións e logo de sobrevivir ao vertido.

As focas apareceron en menor frecuencia, tan só catro exemplares foron rexistrados dos que só sobreviviu un.

As lontras son carnívoros anfibios que desenvolven a súa vida nos ríos, anque en ocasións ocupan as augas costeiras próximas ao litoral, esta poboación é a que se viu afectada, detectando seis exemplares xa mortos, anque se estima unha maior mortalidade a causa de que moitos exemplares afectados terían mortos nos seus agochos sendo ilocalizables.

No caso dos cetáceos foron detectados 6 exemplares con claros síntomas de morte directa a causa do fuel e outros tanto sen síntomas pero con grandes posibilidades de ter morto nas mesmas circunstancias. Entre eles atopábanse golfiños comúns (Delphinus delphis), riscados (Stenella coeruleoalba), toniñas (Phocoena phocoena) e arroaces (Tursiops truncatus), pero tamén mesmo baleas.

Naquel momento estimouse que a mortalidade de cetáceos, focas, tartarugas e lontras puidera ser de 720 a 870 exemplares afectando en maior medida ás tartarugas mariñas (estimados 714 exemplares), despois aos cetáceos (estimados entre 43 e 85 exemplares), logo ás lontras (estimados 42 exemplares) e finalmente ás focas (estimados entre 21 e 28 exemplares), non atopando tabeiróns peregrinos afectados, anque si baleas entre os cetáceos, ambos filtradores.

A parte dos efectos directos do vertido, cabe destacar que os efectos indirectos (presencia de barreiras, alteración de hábitos alimenticios, alteración de hábitats específicos, bioacumulación dos compoñentes do petróleo nos tecidos...) debían ser avaliados en profundidade a medio e longo prazo, e debían plantexarse medidas paliativas na medida do posible.

Logo das labores inmediatas de atención aos animais en primeira instancia, a CEMMA estudou as posibilidades de buscar financiamento para o seguimento a longo prazo, atopándose con diversas dificultades pola negativa de colaboración de diversas entidades galegas. A FUNDACIÓN LA CAIXA foi suficientemente sensible co tema aportando unha financiamento de 60000 euros para os tres anos de traballos que agora rematan.

No proxecto específico incluíronse diversas accións: monitorización de poboacións. Análise dos impactos humanos. Asistencia a varamentos e recollida de mostras. Estudos toxicolóxicos e finalmente sensibilización pública.

De todas esas labores cabe destacar a análise de contaminantes a través dos estudos toxicolóxicos. Estes estudos foron moi especializados e foron realizados pola bióloga Paula Méndez no Centro Nacional de Investigación de Mamíferos Mariños de La Rocelle, en Francia. O equipo que acolleu á investigadora galega foi o mesmo que realizou as investigacións do impacto do vertido do petroleiro Erika no Golfo de Biscaia, fronte as costas francesas, anos atrás.

O seguimento do impacto do vertido ao longo do tempo faise cada vez máis difícil dado que se trata de investigar métodos indirectos (bioacumulación de contaminantes) e estes resultados poden estar interferidos por outro tipo de factores (contaminación crónica antropoxénica de orixe terreste).

A análise das consecuencias da bioacumulación foron estudadas a partir das 177 mostras biolóxicas recollidas de exemplares varados entre 2001 e 2005 en Galicia, polo tanto antes e despois do vertido, pertencentes a tres especies diferentes: toniña, golfiño común e golfiño riscado. Estas especies viven en hábitats mariños diferentes dende a costa ás augas abertas oceánicas..

Foron analizadas seguindo métodos xa certificados noutros estudos de contaminantes anteriores, para iso escolléronse cinco metais pesados que foron estudados nas mostras anteriores e posteriores ao Prestige. Os resultados indican un brusco aumento da concentración de selenio (Se) e de zinc (Zn) nas mostras analizadas das tres especies, a partir da primavera de 2003, aumentando progresivamente ata o ano 2004, nalgunas ocasións duplicando as concentración de metais tóxicos das mostras recollidas. Ata o de agora descoñécense as consecuencias deste aumento de concentración, que puideran afectar ao sistema reproductivo, inmunitario ou a outros sistemas fisiolóxicos dos animais.

Parte da información obtida foi utilizada na publicación nº7 de CEMMA: "IMPACTOS HUMANOS SOBRE MAMÍFEROS E TARTARUGAS MARIÑAS EN GALICIA".