Inicio

Organización

Voluntariado

Recuperación

Investigación

Varamentos

Avistamentos

Bioacústica

Divulgación

Tenda

Contacto

 

 

facebook

 

 

 

BIOACÚSTICA

O estado de conservación das poboacións de mamíferos mariños é un dos mellores indicadores da saúde dos nosos océanos. Estas especies atópanse distribuídas polos mares e océanos do planeta, teñen ciclos de vida longos, intégranse en grupos sociais complexos e sitúanse nas posicións máis altas da rede trófica mariña, polo que padecen as consecuencias das actividades humanas mediante a concentración das substancias contaminantes e están expostos a organismos patóxenos e permiten visualizar moitas das interaccións entre o medio mariño e os organismos que o habitan.

Ao longo de millóns de anos de evolución e adaptación ao medio mariño, os cetáceos desenvolveron os órganos necesarios para utilizar as ondas sonoras que atopan nas augas salgadas un medio idóneo para súa propagación. Os estudos de bioacústica de cetáceos amosan aspectos tan sorprendentes como as cancións das xibartes, os asubíos de comunicación das candorcas, a utilización de ondas de baixa frecuencia das baleas para orientarse e comunicarse a escala transoceánica ou o incluso a utilización de ondas acústicas polos diversos odontocetos como método de captura das súas presas.

A pesar do extraordinario sistema de ecolocalización dos cetáceos identifícanse periodicamente varamentos individuais e colectivos destes animais relacionados con erros de navegación. Existen moitas incógnitas de como animais tan intelixentes, cun enorme dominio da navegación, de súpeto perden o sentido da orientación e varan na costa ou en bancos de area onde non poden liberarse.

ESTUDOS DE BIOACÚSTICA MARIÑA EN GALICIA

Dende o ano 2003, a CEMMA comezou o desenvolver os primeiros estudos de acústica de cetáceos en Galicia. Basicamente se tratou de establecer de modo experimental a idoneidade da metodoloxía acústica pasiva e omnidireccional no seguimento dos arroaces e toniñas da costa galega.

Entre 2005 e 2007 desenvólvese "OS SONS DO MAR", un proxecto financiado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

A mediados do ano 2008 a CEMMA deu continuidade aos traballos de acústica co proxecto "CONSERVANDO O MEDIO MARIÑO: Amigos do Século XXI" subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente, no que se dan os primeiros pasos para a elaboración do primeiro catálogo acústico do arroaz (Tursiops truncatus) en Galicia.

En 2009 edítase o libro "A ACÚSTICA NO MEDIO MARIÑO E NOS CETÁCEOS" (pdf) e en 2010 realízase o video didáctico "OS SONS DOS CETÁCEOS" (ver), con axudas da Xunta de Galicia.

Posteriormente ao desenvolvemento do proxecto, fíxose evidente o interese de continuar con esta liña de investigación debido á elevada cantidade de información que pode aportar de cara ao maior coñecemento das especies ameazadas, polo que a acústica mariña estableceuse como unha das liñas de traballo a seguir pola CEMMA, establecéndose dúas metodoloxías:

1.- Monitorización acústica pasiva, mediante o uso de C-POD, que permiten o seguemento continuo dos movementos das mandas de arroaces dentro dunha área xeográfica determinada (por exemplo as Rías Baixas) e outras especies de delfínidos, ou mesmo a presenza de toniñas.

Recentemente estamos a utilizar estes aparatos para a avaliación das interaccións entre os arroaces e determinadas artes de pesca, tendo levado a cabo experiencias interesantes co arte do xeito en Rianxo e co arte da liña da xarda en Cantabria.

2.- Censo acústico nos embarques na plataforma e oceánicos, mediante o uso do hidrófono de arrastre. Deste xeito podemos complementar a información obtida mediante a observación, e permite a posibilidade de continuar coa mostraxe se as condicións non son óptimas para a observación. Tamén estanos a permitir a elaboración dun banco de sons das diferentes especies rexistradas.